Día do Libro 2012 co agasallo de Agustín Fernández Paz:"Os ríos da vida"

"Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e outras vidas. Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu interior: a emoción do inesquecible primeiro bico; a voz pausada e sabia do ancián da tribo; as conversas das mulleres que traballan arreo nos arrozais do delta do Mekong; os andares pousóns dos camelos, a avanzaren coa caravana polas areas do deserto; o espanto ante os perigos que a escuridade agocha, nun bosque inmenso ou no corredor da nosa casa; a soidade e as dúbidas de cando temos quince anos; as vidas de hai mil anos, cando o mundo era doutro xeito; ou as de dentro de mil anos, nun planeta que agoniza; a fascinación polas estrelas, que nos envían a súa luz desde os abismos do espazo-tempo; o desesperode sentirse só entre ríos de xente; o nacemento dunha persoa, a morte doutra; os seres máxicos e os deuses terribles… Abrir un libro e deixarse levar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes… Unha maxia secreta e inesgotable, que a nós nos corresponde descubrir."
Agustín Fernández Paz
Este texto é un agasallo de Agustín Fernández Paz para as Bibliotecas Escolares de Galicia

Comentarios

Entradas populares de este blog

Vive connosco nun "liber amoenus"

8 de marzo: Día da muller

17 de marzo, día do cómic.